Archive for May 29, 2008

Territorio Comanche. Arturo Pérez-Reverte

Territorio comanche é todo aquel lugar onde alguén se arrisca. Onde alguén se perde. Onde alguén sente medo e desexos de desaparecer e fecharse nun acubillo distinto do que se atopa. Na escuridade, coa única luz das lámpadas dos asentamentos de guerra e das bengalas enfiando o ceo, Pérez Reverte constrúe unha historia  de guerra a medio camiño entre unha reportaxe e unha novela. Quizais sexa un libro que abre a porta cara unha fonda reflexión sobre o traballo dos correspondentes de guerra. Ou non. Quizais sexa un libro que desate a furia polo inservíbel dos conflitos bélicos. Non o sei. Incerteza e desacougo forman o pequeno cúmulo de sensacións que Márquez e o seu afán por captar as imaxes da destrución da ponte Bijelo Polje espertan na miña lectura. Barlés acompáñanos, ou máis ben, nós acompañámolo a el entre risas e bágoas mentres conta varias anécdotas desa guerra civil iugoslava que presenciamos os tres, e outros enfrontamentos anteriores que sempre deixan unha pegada no transcorrer dunha vida. Unhas imaxes que unha vez recreadas na mente curan a algúns e debúxanse indiferentes ante outros, onde a preocupación para conseguir información de primeira man e cubrir a noticia a tempo é o principal obxectivo. Un discurso contra o egoísmo e a burocracia informativa? Non. Só o ir e vir dun correspondente de guerra e das súas historias nas que o fío condutor é un choque de intereses solapado por un conflito entre inocentes.

Silvia Mella Alonso

May 29, 2008 at 8:26 am


May 2008
L M X J V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  

Arquivo