Archive for May 26, 2008

Dicionario para pobres. Francisco Umbral

Francisco Umbral di que “un dicionario é o libro máis serio que se pode escribir,” máis no seu Dicionario para pobres cabe unha visión ácida do mundo que lle provoca ao lector un sorriso continuo á vez que o invita a reflexionar sobre cuestións relacionadas coa política, os costumes, o cine da época, os pseudo-intelectuais, a relixión e o sexo. Sobre todo sobre o sexo machista.   

 

A posteriori dunhas brevísimas instrucións para o uso deste peculiar dicionario –impregnadas tamén dunha feroz autocrítica-, un incisivo Umbral repasa cunha brillante ironía algúns termos e expresións ordenadas dende o A ao Z, todas elas travestidas nunha sátira sobre a Transición española. Umbral critica tamén dun modo salvaxe o imperialismo norteamericano, os cambios de chaqueta dos políticos españois e a desidia da sociedade. Como na maioría dos seus artigos xornalísticos, o autor intenta darlle ao cotián unha especie de dignidade do descoñecido, falando da cultura da rúa á que lle imprime ás veces unha desolada tenrura.

 

Entre algúns termos que foron inventados polo mesmo Umbral (e que hoxe se empregan coloquialmente) aparecen as definicións de  “América” (“Un continente onde mandan os do Norte sobre os do Sur, os de arriba sobre os de abaixo e os de Wall Street sobre casi todo o mundo”) ou “democracia” (“A democracia non é exactamente o goberno do pobo, se non o que inventou o pobo para non ter que gobernar”) entre moitas outras. É dicir, Paco Umbral («señor que se mete a facer dicionarios sen ter puñetera idea diso e escribe un dicionario para pobres co fin de facerse rico») o que fai é intentar explicarlle ao lector mediante un discurso solto e cheo de metáforas a España -e o mundo- axitada de finais dos setenta.

 

Silvia Mella Alonso

May 26, 2008 at 11:04 am


May 2008
L M X J V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  

Arquivo