Archive for May 30, 2008

Crónica dunha reseña

19 de Maio do 2008. A escolma de crónicas de Mercedes Abad xa levaba máis tempo na miña bandoleira que o recomendado pola biblioteca da facultade.

 Alí estivera, sen pena nin gloria, acompañada de bics, apuntes, pilas… e demais “regocijantes caquillas microscópicas” (expresión textual de Mercedes Abad en Titúlate Tú) que a eclipsaban. Necesitaba renovarse.

Tan pronto o fixo, comecei a lelo. A cronista da edición catalá de El País era diferente. As súas crónicas non remitían a actos convencionais e a súa linguaxe estaba máis próxima dunha coidada conversa que dun texto xornalístico. Titúlate Tú amosaba crónicas con moi diferentes eixes narrativos: persoas, lugares, sensacións…incluso algunhas eran “inclasificables” (denominación da propia autora). Mentres lía, vía como Mercedes Abad levaba ata a “caricaturización” o elemento básico da crónica, o tempo. Proba disto é este fragmento extraído dunha das máis de 80 crónicas que se recompilaban no libro:

“Acomódense en este sencillo y oportuno flashback, abróchense los cinturones y gocen de este breve viaje (tan breve que lamentablemente nos es imposible servirles un refresco) que los llevará, confío que sanos y salvos, al año de gracia de 1991. Ya hemos llegado”

 A escritora barcelonesa percorría toda tipo de eventos en busca de historias curiosas e atípicas (asistir a unha gravación dunha película porno, por exemplo). Xogaba co lector propóndolle sensacións novas e situacións que recolleu en áxiles narracións cronoloxicamente estruturadas.

 30 de Maio do 2008. Rematei o libro. Agora só me queda facer a reseña.

 Ricardo Saavedra Seoane

 

May 30, 2008 at 9:27 pm

ÉBANO- Ryszard Kapuscinski

Ébano constitúe unha impresionante crónica da experiencia de R. Kapuscinski como correspondente en África, non só polos feitos que narra senón, sobre todo, pola sinxeleza e veracidade que consegue transmiti-lo seu relato. Esta crónica está chea de humanidade e realismo.

    Ryszard Kapuscinski adéntrase nos sitios máis pobres e instálase alí. Viaxa a lugares que non son noticia para os europeos e os americanos, e por rutas que só transitan os indíxenas. Achégase á realidade das persoas máis humildes e describe o que ve cunha mirada humana na que se adiviña o desexo de comprender e axudar. Grazas a ese achegamento, consgue describir con realismo como viven, como pensan, os acontecementos do pasado que deixan pegada como o xenocidio de Rwanda, por que nese continente se suceden as guerras e a violencia, e que hai de verdade nas versións oficiais que chegan ata nós (a través dos medios de comunicación).

    Unha peza xornalística, histórica e estilística que debería ser lida por toda a humanidade sen dúbida. Como dixo nunha entrevista en España, “as crónicas de guerra de Heródoto” servíronlle como guía nas súas viaxes de correspondente (sobre todo nas que tiñan Asia como destino).

Verónica Sanmarco Janeiro

May 30, 2008 at 8:46 pm Deja un comentario

I am Charlotte Simmons by Tom Wolfe

Tom Wolfe foi un dos fundadores e estilistas do coñecido como Novo Xornalismo. Este libro, publicado en 2004, non é tan doado clasificalo como os seus coñecidísimos “non-fiction”. Partes desta novela son inventadas, como é o caso do nome da Universidade (Dupont University), pero o estudo que fixo para realizala merece aparecer reflicitdo neste blogue. Investigou a vida dos estudantes norteamericanos da actualidade e plasmouno nun estilo moi característico. O seu punto forte é a observación e a reprodución detallada das debilidades humanas escribindo de xeito polémico e usando a linguaxe da xuventude (a linguaxe da rúa, que para os que non teñen o inglés como lingua materna pode resultar algo dura).

    I am Charlotte Simmons é a historia dunha estudante de primeiro ano durante o primeiro semestre na prestixiosa universidade de Dupont. Charlotte é unha moza recén graduada nunha pequena vila rural que grazas á súa intelixencia e esforzo, foi premiada cunha bolsa na universidade dunha gran cidade. Na residencia, descobre á súa compañeira de cuarto, Beverly, unha nena rica obsesionada co sexo.

    A medida que Charlotte se vai afacendo á vida universitaria, atópase ante as tentacións propias da idade e do lugar. Coñece ó rapaz máis popular (deportista e “pasota”) e comeza a experimentar cousas novas que non rematarán ben. Sexo,  estatus social, alcol e outras drogas son agora parte das súas ocupacións e tamén preocupacións.

    Unha historia que pode soar a tópico pero que plasma e analiza dun xeito profundo a sociedade estudantil norteamericana.  

 

Verónica Sanmarco Janeiro

 

Nesta entrevista podedes descubrir máis datos sobre o proceso de creación da novela contados polo propio autor. Descubride a un home humilde e comprometido con todo o que fai.

 

May 30, 2008 at 8:40 pm Deja un comentario

CRÓNICA NEGRA DEL PRESTIGE, Luis Gómez e Pablo Ordaz

Luis Gómez e Pablo Ordaz, xornalistas do diario El País, relatan a fatídica catástrofe do Prestige desde diversos puntos de vista.

Crónica negra del Prestige, é un libro denso en canto a datos, sobre todo ó principio. Pero eses datos son necesarios, xa que son os que nos fan ser conscientes de todos os errores humanos e técnicos que se produxeron en e con respecto ó Prestige.

O rescate da tripulación, as maniobras de remolque do petroleiro e o sentimento de todo un pobo, está reflexado, entre outras cousas, nesta gran crónica.

Ó contrario do que moitos poden pensar ó ler o título do libro e ver a portada, eta obra xornalística non ten un carácter victimista. Todo o contrario. Nela aparecen diversas persoas relacionadas co mundo artístico que resaltan, sorprendidos, a unión, a forza e o valor dun pobo unido ante unha desgracia como a que foi e segue a ser o afundimento do Prestige.

Gómez e Ordaz encárganse tamén de destapar ou recalcar os erros dos políticos que daquela ocupaban postos de ministros ou presidente da Xunta de Galicia. Erros tales como non saber que facer co barco, enganar á poboación, ou irse de caza ou de fin de semana a Doñana entre moitísimos outros.

Tamén falan cos afectados pola marea negra. Os habitantes de Muxía destacan o mal obrar dos políticos e tamén critican a aqueles medios de comunicación que dicían que non había ningún perigo de contaminación para as costas galegas, cando os propios veciños estaban a ver como as súas praias quedaban tinguidas de negro.

En definitiva, é un libro que, probablemente para moitos, descubra moitas máis deficiencias sobre este accidente agravado pola mala xestión política, das que críamos coñecer.

Araceli Pita Parada, grupo C

May 30, 2008 at 12:00 pm Deja un comentario


May 2008
L M X J V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  

Arquivo