Archivo del autor

Pequeña antología política (Antonio Gramsci)

O libro é unha escolma de artigos que o revolucionario italiano publicou na prensa do seu país na época do xurdimento e medre do fascismo representado na figura de Mussolini e os seus seguidores. Gramsci desenvolveu toda a súa vida unha intensa labor xornalística en “O berro do pobo” ou o “Avante”, así como “L’Ordine Nuovo” e “La cittá futura”.

Nos seus escritos avisa sobre o control que as plutocracias fan da información e da formación da opinión pública por medio da prensa ao seu servizo, un aviso que aínda hoxe está de plena actualidade. Cada grupo de poder ao longo da historia ten empregado sempre a totalidade dos recursos ao seu alcance cara o obxectivo de conseguir a supeditación dos individuos aos seus intereses como unha forma efectiva de dominación. Gramsci advirte do perigo vendo como o fascismo está a coller forza para imporse ao pobo italiano, cos nefastos resultados que despois tivo. A figura de Gramsci proba para moita xente como dende o xornalismo poden tomarse actitudes destinadas á análise do mundo de cara a súa transformación cara mellor, isto é, de como dende o xornalismo se pode defender e aplicar o marxismo.

Francisco Cortez-Lobão Sineiro 2º Xornalismo A

Anuncios

junio 23, 2008 at 8:34 pm Deja un comentario

100 artigos de Álvaro Cunqueiro (escolma de Dorinda Rivero Pedreda)

O libro é un feixe de escritos na prensa do literato de Mondoñedo autor de obras emblemáticas como Merlín e familia. Malia a contribución ás letras no noso idioma de Cunqueiro, o seu traballo na prensa cinguise ao emprego do castelán (cousa que tamén lle aconteceu a xornalistas como Ánxel Fole). Este é un dos feitos que máis se lle bota en cara.

Cunqueiro constrúe aquí artigos amenos e costumistas, cheos de lirismo, que nunca analizan temas políticos ou económicos, senón paisaxes, historias, retratos de poetas franceses, heroes italianos, anécdotas, o paso do tempo, as estacións e anacos da vida. O que consegue tecer con isto é unha permanente sensación de melancolía, fai partícipe ao lector da súa propia señardade. O escrito ten un peso autobiográfico bastante notábel, artellando un retrato das épocas que o autor viviu. Neles hai unha grande axilidade, a lingua literaria é manexada dun xeito moi habilidoso, e por veces se albiscan referencias á realidade inmediata, se ben o o normal é que Cunqueiro se perda polos seus propios vieiros interiores.

Nos seus artigos amosa unha prosa coidada e un dominio moi bo do idioma castelán, que o fixeron ser considerado no seu momento un dos grandes escritores peninsulares.

 

Francisco Cortez-Lobão Sineiro   2º de Xornalismo A

junio 23, 2008 at 8:34 pm Deja un comentario

EL PERIODISMO CANALLA Y OTROS ARTÍCULOS. TOM WOLFE

Wolfe deixa claro que á hora de escribir sobre temas que levantan ampolas non ten parangón. A súa ironía e a súa forma de contar non deixan indiferente a ninguén e menos ás persoas contra as que arremete. Pero o que fai de Wolfe un mestre é o feito de que todas as súas ideas e críticas están solidamente argumentadas froito da súa grande formación e da súa certa tendencia filosófica.

O “dandy de branco” retrata os últimos corenta anos da situación social de América a través dos seus artigos con alento de crónica. Ademais, Wolfe atrévese con todo e fala tanto de temas científicos con estrita rigorosidade ata temas relacionados coa sexualidade botando man da súa finísima elegancia irónica.

A parte de todo isto, Wolfe forma parte da xeración que consolidou o ‘novo xornalismo’ unha nova maneira de contar que enganchou a milleiros de persoas grazas, en grande medida, a personaxes tan particulares e intelixentes como Tom Wolfe.  

 

Mª Tania Alonso González

junio 23, 2008 at 10:20 am

Bye bye Hong Kong (Manuel Leguineche)

Neste libro formúlase o vello problema da descolonización. Leguineche amósanos Hong Kong, illa chinesa que durante máis de cen anos ficara en mans británicas após os conflitos derivados do tráfico de opio que os occidentais potenciaran na rexión. No ano 1997 a colonia debe volver a mans de China, convertida agora nun estado nominalmente socialista se ben na práctica de capitalismo salvaxe por mor das reformas de Den Xiaoping. Leguineche amosa así os derradeiros días dunha época na illa denantes de se reintegrar na Gran China, pondo de manifesto as diferenzas históricas e culturais que agora arredan Hong Kong do país froito de anos de evolución histórica dispar.

O problema. Como tantas outras veces, é a propia herdanza das intervencións militares occidentais en Asia ao longo do século XIX que foron alterando a vida económica e política do continente e estabelecendo relacións de explotación colonial entre Gran Bretaña e China ou Afganistán. Ademais, no caso de Hong Kong atopámonos nun preludio da proxectada recuperación da outra illa fuxitiva: Taiwán.

Leguineche recorre a daquela aínda colonia británica falando coa súa poboación, recollendo inquedanzas e soños, e tamén bastante indiferenza. Vai configurando así un retrato da cidade dun xeito melancólico –xa que o intercala coas súas propias lembranzas dunha viaxe a China na súa mocidade-, o retrato dun territorio que vai cambiando de mans ao longo da historia por mor da cobiza e os intereses de nacións alleas, sen poder chegar nunca a artellar unha identidade propia, asimilando a británica, portuguesa ou xaponesa. Un interesante libro sobre o que pasa cando non se permite o desenvolvemento normal dun país.

Francisco Cortez-Lobão Sineiro, 2º de Xornalismo A

junio 19, 2008 at 8:52 pm Deja un comentario

Rúa do Proletario Vermello (Nina e Jean Keháyan)

Este libro é a crónica de dous anos de vida na Unión Soviética dun matrimonio de comunistas e xornalistas franceses que cos seus fillos se instalaron en Moscova enviados polo Partido Comunista Francés. Como ben indica Vázquez Montalbán no prólogo, atopámonos ante unha serie de reportaxes que describen a vida baixo un réxime que non era, nin de lonxe, o que os autores contaban con atopar cando marcharon cara o este. Un réxime que lles demostrou que se ben o socialismo que soñaban aínda non fora construído en ningures, si fora construído o que o socialismo non debe chegar a ser nunca.

Á volta da súa estadía na URSS a mediados dos 70 o matrimonio vese na encrucillada de contar o que viviron ou pola contra calar para non interferir no crecemento e desenvolvemento do PCF. Son, como eles mesmos afirman, actitudes entre os dirixentes do partido o que os leva a decidiren publicar a verdade sobre a súa viaxe.

Así no libro se describe a manipulación que as autoridades soviéticas exercían sobre a opinión pública do seu país, a incoherencia entre o reparto equitativo e os luxos da nova plutocracia ou a represión política nun réxime que debera representar a liberdade humana.

A conclusión da narración é agridoce. Por unha banda amosa o derrubamento dun mito para unha parella de ferventes e entregados comunistas, pola outra serve coma recordatorio de que a utopía é unha loita constante e que abonda con que algo se torza no camiño para que o que debera ser a emancipación do ser humano se converta nun pesadelo.

 

Francisco Cortez-Lobão Sineiro, 2º de Xornalismo A

junio 19, 2008 at 8:51 pm Deja un comentario

Idealistas baixo as balas (Paul Preston)

O británico Paul Preston amosa neste libro un feixe de historias pertencentes a unha parte emblemática da Guerra de España: o traballo de moreas de reporteiros de guerra cubrindo os acontecementos do alzamento fascista e a posterior contenda, contenda que marcou para sempre o xornalismo e que o levou cara horizontes albiscados xa na anterior guerra de Etiopía

As historias que se contan reflicten varias vivencias que só teñen en común o estaren protagonizadas por reporteiros. Dende o caso Robles que marcou a fin da amizade entre John Dos Passos e Hemingway até as diversas experiencias de xornalistas capturados polo bando republicano e polo bando fascista e o diferente trato sufrido en cada un (liberdade case inmediata no constitucional, ameazas de morte, prisión, torturas e mesmo unha execución no sublevado). Amósase a  crónica dunha época e dun conflito que marcou a forma de facer xornalismo, coas súas glorias e miserias. Así, Preston denuncia como a prensa conservadora americana tentou crear simpatías nos EUA cara o bando franquista, bando aliñado con aqueles réximes europeos contra os que os propios estadounidenses terían de combater poucos anos despois. Tamén se fai fincapé no laborioso traballo de moitísimos xornalistas que puxeron o seu oficio ao servizo da prensa comunista tanto en países onde a revolución triunfara, caso da URSS, coma noutros onde a súa ideoloxía callara bastante, como Francia.

Pero sen dúbida un dos temas máis interesantes que amosa o libro é o da obxectividade. Lugar común do xornalismo, Preston mostra como moitos dos xornalistas que cubriron o conflito español renegaron del e se deixaron levar polas ideoloxías e as paixóns do enfrontamento. Isto é algo completamente comprensivo dadas as circunstancias. A conclusión máis interesante da obra é, pois, como é imposíbel renunciar a tomar partido nun escenario como o da España de 1936, e como o único que se lle pode esixir a unha persoa cando cubre eses acontecementos é rigor.

Francisco Cortez-Lobão Sineiro, 2º de Xornalismo A

junio 17, 2008 at 8:19 pm Deja un comentario

Iguoeslavia Kapput (Manuel Leguineche)

O libro achégase a unha das feridas aínda aberta no leste de Europa e que de cando en vez se asoma aos telexornais: o problema da antiga Iugoslavia, fragmentada en mil anacos após a morte de Tito. Leguineche leva a cabo un exercicio de documentación antes de falar da situación da época na que fixo o libro que se agradece, acostumados como estamos ao xornalismo de auténticos paracaidistas que sen teren idea das características históricas, económicas ou culturais dun país escriben sobre o mesmo dando visións partidistas ou sinxelamente incorrectas. Así, perante a consideración habitual de que o acontecido no antigo estado federal foi a autodeterminación dos territorios que a integraban, dáse a visión da sinxela disgregación por odios étnicos dun país quizais artificial mais necesario nunha zona onde as fronteiras entre os pobos nunca estiveron ben definidas e había moitas culturas que integrar.

Así, Leguineche remóntase até feitos históricos coma é o da estreita relación que o nacionalismo croata –posteriormente presentado coma un pobre pobo oprimido polos serbios- tivo cos nazis e como foi punta de lanza contra o comunismo dos partisanos titoístas. Consegue así afastar un xuízo á lixeira da realidade iugoslava, que podería levar a simpatizar con etnicismos alentados por intereses case tribais. A comparación que dende a dereita española se ten feito moitas veces de España con Iugoslavia non resiste unha lectura desta obre de Leguineche.

Outro dos aspectos do libro a destacar é a súa imparcialidade. Os serbios non son presentados coma demos de rabo e cornos, senón coma un pobo máis no conxunto balcánico en nome do cal se cometeron barbaridades como se cometeron en nome dos eslovenos ou os croatas. Leguineche é duro con todos, amosando a loucura colectiva que levou a un estado unido en torno á figura mítica do líder partisano reconvertido en paladín do socialismo autoxestionario a unha guerra civil e destrutiva cuxas consecuencias están á orde do día: véxase a independencia unilateral, non cuestionada e ilegal da rexión serbia de Kosovo. Iugoslavia é unha ferida que tardará tempo, como amosa o libro, en cicatrizar. Non é fácil despois dunha explosión de odio irracional que afogou en sangue os Balcáns.

Pechar a análise do libro é doado recorrendo a unha observación presente nel: se á sobremesa consistente nunha morea de tipos diferentes de froita se lle chama macedonia é por algo. Non se pode facer da nostalxia dunha vella Arcadia unha guía de acción política nin separar ao veciño por pertencer a un grupo diferente.

Francisco Cortez-Lobão Sineiro, 2º de Xornalismo A

junio 16, 2008 at 4:18 pm Deja un comentario

Entradas antiguas


septiembre 2018
L M X J V S D
« Jul    
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

Arquivo