Blanco-Amor e os seus escritos periodísticos

marzo 30, 2008 at 3:52 pm

 

Neste libro Luís Pérez recolle arbitrariamente un total de 20 artigos xornalísticos que o escritor ourensán publicou en distintos xornais e revistas galegos (e do exilio) durante o período de 1923 a 1972.

Da autocrítica literaria aos obituarios, pasando por extractos dos seus libros, artigos de opinión, relatos ou fragmentos dos seus propios discursos, Blanco-Amor foi enchendo durante case sesenta anos as páxinas en branco de publicacións como La Región, A Nosa Terra, Alborada, A fouce, Lar ou La Voz de Galicia.

Así e todo, os seus textos ben se poderían encadrar baixo o título de xornalismo literario, ou quizais de literatura xornalística. De principio a fin os seus artigos énchense de imaxes e simbolismo que, mesturados con pinceladas de carga informativa, a súa voz crítica –sobre todo contra o desprezo do galego e de Galicia- e os seus toques de humor, fan que a lectura, que se ben se pode ver e ralentizada pola complexidade dos mesmos, torne máis levadeira, máis cómoda e fluída.

As achegas de Blanco-Amor reflicten un ideario propio, van máis alá do sensacionalismo e do banal, defenden e preconizan un cambio da sociedade e da mentalidade e avogan, mediante a súas palabras e prosa elaborada, encher de orgullo os corazóns dos galegos. Máis que meros escritos xornalísticos, son os restos dunha loita contra o desprezo e o reflexo da historia xa case esquecida. («A nosa labor será, antes que nada, informativa.(…) En ningún caso botaremos man dos magoados tópicos dese sentimentalismo cursi e podre, gaiola de parvos, nin fomentaremos choromicadas morriñosas, coasi sempre falsas e de cote noxosas». Buenos Aires, 25 xuño, 1923. “Nós”, Terra nº1. Eduardo Blanco-Amor.)


Ildara Enríquez García

Anuncios

Entry filed under: Reseña.

La Reina del Sur, Arturo Pérez Reverte Galicia, Galicia


marzo 2008
L M X J V S D
« Feb   Abr »
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31  

Arquivo


A %d blogueros les gusta esto: