Archive for marzo 5, 2008
gorazde
sempre se dixo que unha imaxe valía máis ca 1000 palabras. será por iso que Joe Sacco, o autor desta obra, prefire expo-las súas experiencias coma corresponsal en zonas de conflito a través do cómic, facendo a súa obra máis amena e axudando a que o lector se sumerxa nela. Así, cunhas viñetas de notable calidade, Sacco lévanos en plena guerra na antiga Iugoslavia ao enclave Bosnio de Gorazde, mentres o resto do mundo se centraba en Saraxevo, “a cidade bonita da guerra” como Sacco comenta. Amosábanos así que hai guerras incluso dentro das guerras, pois a pesar de todo o que se escoitou sobre as matanzas de Saraxevo ou Srbrenika o mesmo estaba a acontecer noutros puntos coma Gorazde sen apenas chama-la atención. Coma se a guerra se reducise a dous puntos e no resto non pasara nada.
Tamén dentro da guerra existían as batallas do cotiá, que o autor alterna con capítulos sobre as orixes do conflito, as accións militares, as relacións entre as etnias antes e despois da contenda, … Porque aínda sen o ruído das armas, (sobre)vivir nunha cidade sitiada rodeada de escaseza e medo é tamén unha dura batalla.
Manuel Rodriguez Santabaya Reseña febreiro