Contos

enero 28, 2008 at 2:41 pm

«Creo que xa dixen aquí algunha vez que os espías, ó revés do que sucede cos piratas, non me fascinan en absoluto».

Nunca coñecín a Carlos Casares, nunca falei con el, nunca lin unha biografía súa, nin calquera das súas obras. Quizais foi iso, ese non saber, esa necesidade de encher o baleiro da miña ignorancia o que me encamiñou cara Á marxe.

Nunca coñecín a Casares e, sen embargo, ao igual que os centos de lectores anteriormente asiduos á súa columna, puiden traspasar esa barreira que xeralmente separa ao escritor/xornalista do común lector. Cunha simple lectura adentreime na vida do limiao. Porque así era o seu estilo, sinxelo, sen ornamentacións nin complexidade. Un estilo directo, coloquial, ás veces anecdótico e sobre todo humorístico, sempre humorístico.

Sorprende ver a cantidade de información coa que asolagaba diariamente ese terzo de páxina, esas poucas palabras coas que conversaba cos lectores sobre o tema de portada, ou sobre simples anécdotas da súa vida e derredores.

Con esa sinxeleza de escritor nato («un día mandáronnos escribir unha redacción na escola e eu contei unha merenda que fixeramos na beira do río uns amigos e mais eu(…) Logo, o profesor leuna na clase dicindo que era moi bonita(…) A partir dese día, os meus compañeiros empezaron a chamarme “escritor”»), Casares convertía a noticia, o artigo de opinión, en puro conto. Así, pouco a pouco, ganduxando palabras, ía creando as súas historias, transportándonos a ese preciso momento.

Eu estiven alí o día que a súa cadela Leda decidiu que era tempo de marchar. Estiven alí cando se lanzaba pedras cos outros nenos no monte Baronzás, e nas tardes chuviosas que quedaba a ler libros na casa. Ollei ao seu carón esas partidas de cartas que botaba súa nai e compartín ese interese seu polos piratas e as biografías.

Nunca coñecín a Carlos Casares e, sen embargo, podo dicir que o coñezo.

Aquí tendes un exemplo de como escribía Carlos Casares. Cara de demo.

Ildara Enríquez García

Anuncios

Entry filed under: Opinión.

El rostro de la guerra-Martha Gellhorn Oriana Fallaci Vs Oriana Fallaci


enero 2008
L M X J V S D
« Dic   Feb »
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  

Arquivo


A %d blogueros les gusta esto: