Sangue e literatura

noviembre 24, 2007 at 8:29 pm

A sangre fría é o relato do asasinato de catro membros dunha humilde familia de Holcomb, Kansas o 15 de novembro de 1959.

Truman Capote, empregando a técnica xornalística, preséntanos os feitos que precederon e rodearon ese tráxico acontecemento mediante a estruturación en catro apartados nos cales aborda os momentos previos ao homicidio (Los últimos que los vieron vivos), as reaccións dos veciños, policías e asasinos ao respecto (Personas desconocidas), os detalles e motivos do delito (Respuestas) e os últimos meses de vida dos criminais (El Rincón). Todos eles, organizados mediante o enlazado continuo das vidas -moitas veces acompañados de flashbacks, cartas, declaracións policiais, etc- das múltiples persoas que, dun modo ou outro, foron relevantes nos acontecementos que se narran.

Así, o autor achéganos os feitos seguindo unha estrutura por escenas, mediante a cal, a modo de película observamos con todo luxo de detalle os últimos momentos de vida dos Clutter e os feitos que seguiron.

Capote, emprega unha maxestosa práctica de documentación e indagación xornalística que, xunto coa súa fluidez e axilidade redaccional, lle proporcionan a un a capacidade de introducirse mesmo nos pensamentos e sensacións dos asasinos, mostrándonos así unha radiografía o máis crúa e veraz posíbel dos feitos.

Con todo, a lectura preséntasenos irregular no seu conxunto, alternando momentos de envolvente tensión e lectura compulsiva, con pasaxes de excesiva carga informativa que implican unha transición máis lenta e pesada.

Este relato é máis que unha simple imaxe das atrocidades que se perpetran día a día na sociedade. A diferenza das frías e sanguinolentas noticias que colman as páxinas de sucesos, esta obra amosa o que vai máis alá do simple feito, do morbo, e da primicia. É unha aproximación á vida tal como é, coas súas subas e baixas, cos seus momentos de dor.

Ildara Enríquez García

Anuncios

Entry filed under: Reportaxe.

Ryszard Kapuscinski-La guerra del fútbol Medo e asco nas Vegas


noviembre 2007
L M X J V S D
    Dic »
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo


A %d blogueros les gusta esto: