Espejos. Una historia casi universal – Eduardo Galeano
Junio 28, 2008
Espejos é a última obra Eduardo Galeano e nela o autor revisa a historia de toda a humanidade ata a actualidade. Párase en distintas épocas para dar voz as persoas menos coñecidas, ás que se atopan na escuridade, aquelas que non aparecen na foto nin nos xornais. Espejos está formada por pequenos relatos, do cotiá, en todo o planeta. Así o explica o subtítulo Una historia casi universal, e ven a ser verdadeiramente iso, un conxunto de historias ligadas onde aparecen dende reis, a políticos, artesáns, viuvas, todo tipo de persoas e personaxes que aportan sentido a esta obra, na que Galeano quere contar con esa fina ironía que o caracteriza e con pequenos trazos de humor.
Galeano trata de construír os relatos atendendo ao que a historia amosa pero especialmente ao que a historia cala. Moitas veces os silencios din máis do acontecido que as propias palabras, e deste xeito, moitas dos relatos contan a verdade deixando espacio para o silencio e, en definitiva, tamén para a reflexión. Podemos atopar relatos de diversa índole, dende a fundación do machismo, á educación en tempos de Franco, pasando polas larvas da seda, ata chegar a personaxes como Goya, Marco Polo ou Cleopatra e cidades como Bagdad. Un percorrido en 340 páxinas por todo o planeta e o universo infinito durante máis de 2000 anos.
Contar a historia dende o punto de vista dos perdedores, dos caídos, dos apartados, dos exiliados, dos que non tiveron a oportunidade de contala. Mover conciencias, estremecer ás veces, pero buscar sobre todo un momento para a reflexión e o pensamento iso é o que pretende Galeano con este libro e dun xeito máis xeral con toda a súa obra literaria e xornalística.
Entry Filed under: General. .

Trackback this post | Subscribe to the comments via RSS Feed