Archive for 21/06/08
Mal de linguas, Xesús Tusón
Se facemos unha simbiose entre xuizos de valor e pobos, obteremos como resultado as teimas clasificatorias das que tan a miúdo ó longo da historia se ten feito uso. Por exemplo, dicir dos alemáns que son uns “cabezas cadradas” ou dos escoceses que son tacaños. Detrás destas aseveracións agóchanse as vellas pegadas da etnolatría, que seguen patentes malia o paso dos anos. Esta forma de autoenaltecemento pode ser o principio da incultura máis ruda: a etnofobia, aquela que se nutre de construcións hipotéticas e paranoicas que renegan da pluralidade máis nobre e natural conformada pola diversidade de pobos e as características que os definen como tales: a súa lingua e a súa cultura.
Tusón quere facer ver que as ideas que temos sobre as linguas son conceptos ao servizo dos gobernos, que nos queren fieis, uniformes e productivos. Falar de linguas fáciles ou difíciles, de moitos ou poucos falantes, finas ou brutas, cultas ou vulgares…todas elas son dicotomías populares que non emanan das linguas senón dos sentimentos humanos. A complexidade significa complicación, e este último é un termo prohibido no contexto dunha sociedade que tende a simplificalo absolutamente todo. O feito de que no mundo existan ó redor de 6000 linguas diferentes proxecta unha incómoda cifra de 30 linguas por estado que non encaixa con esa mentalidade sintética.
Atopámonos ante un entretido (e non por isto menos rigoroso) ensaio de lingüística no que Xesús Tusón, profesor de lingüística na Universidade de Barcelona, fai unha profunda reflexión sobre o papel que está a xogar na morte das linguas a imperante (con)fusión do terreo lingüístico e o extralingüístico.
Karina Rivero Conde
Add comment Junio 21, 2008