Archive for 8/06/08
Unha invitación cara o abismo
¿Ser coma o ave fénix? O ave fénix que decide morrer para volver a nacer no minuto adecuado da man da palabra tamén adecuada. E un abismo alaranxado pendurado da última brisa atravesada pola pluma do paxaro que está a piques de caer. O abismo que A. se tragou para esquecer, para fuxir borracha de helio ó outro rinconciño verdiazul, alá onde a literatura e o xornalismo comparten a mesma sombra.
Historias que van e veñen, que veñen para volver a marchar coa última onda ancorada no malecón da Habana. Ese espazo que espertaría a curiosidade infantil de Rosa Aneiros (des)debuxado pola memoria do seu padriño. E sería así como nacería esa paixón súa por contar verdades que son mentira e mentiras que son verdade.
Conta. Viaxa. Conta retais deste mundo agridoce. Viaxa do conflito palestino á soidade compostelá, camiña dende a súa memoria de pícara que desexa ser pensionista a desmemoria de Sara, unha muller que sofre de alzheimer. Onda que ven. Onda que vate, con forza e para quedarse no noso maxín.
Narrativa poética bañada en salitre que, coma ela mesma chega a dicir, consegue devolverche aquilo que xa sentiras e non sabías que existía. Ao pé do abismo, unha obra literaria nada dos arquivos acumulados nas carpetas de Windows e que acode a nós para “regalarnos o que xa era noso”.
Deborah Castro Mariño
Add comment Junio 8, 2008